Presentación
Para facer máis sostible, eficiente e económica a xestión do lixo, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas - Betanzos xunto cos concellos de Coirós, Irixoa, Miño, Paderne e Oza dos Ríos e o apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ven de poñer en marcha este proxecto experimental para favorecer a compostaxe.
Que é a compostaxe?
É un proceso natural grazas ao que podemos transformar o lixo orgánico dos nosos fogares e xardíns (fundamentalmente restos de comida, céspede, follas, podas, etc.) nun abono natural, seguro e de excelente calidade para seu uso en xardinería ou na horta doméstica.
Por que compostar?
Compostando contribuirás a reducir as achegas de lixo nos colectores, axudando deste xeito a minimizar o impacto ambiental e os custes asociados aos necesarios sistemas de recollida, transporte e tratamento do lixo. Por outra banda obterás tamén un abono de alta calidade para as túas prantas do xardín ou horta. Compostar apenas ocupará un pouco de tempo e aplicando as técnicas e materiais que brinda este proxecto evitaranse problemas de cheiros ou animais molestos.
Como participar?
Dende cada concello seleccionaranse a un total de 10 familias voluntarias nas que se desenvolverá o proxecto piloto e recibirán:
-Un composteiro, documentación, curso formativo e o asesoramento técnico personalizado a través de varias visitas de seguimento no seu domicilio.
-Contarán tamén cunha liña de teléfono onde poderán consultar sobre calquera dúbida ou posible incidencia.
A participación e os materiais serán de balde.
Para todas aquelas familias que non foran finalmente seleccionadas pero que aínda desexen poñer en marcha a compostaxe no seu fogar, a través deste proxecto poderán ter asesoramento vía telefónica ou por e-mail, aínda que non se lles poderá facilitar o composteiro nen as visitas domiciliarias de seguimento.
Se a súa familia quere participar neste proxecto debe de enviar, antes do 12 de febreiro de 2011, o formulario que figura neste folleto